«Nota de Prensa:
A Xunta aproba un investimento de 8 millóns para a adquisición de solo na zona viguesa de San Paio de Navia e impulsar o maior proxecto posto en marcha en Galicia para a construción de vivendas protexidas
-O presidente da Xunta precisa que, en total, construiranse 1.600 vivendas protexidas
-Feijóo salienta que na oferta pública de adquisición os terreos valóranse a 126 euros o metro cadrado, ao que haberá que sumar o valor dos elementos existentes nas fincas, como construción, peches, arborado, etc
-Con este proxecto dáse tamén resposta a unha demanda histórica dos propietarios destas parcelas que, desde 1996, teñen clasificados os seus terreos como solo urbanizable
Santiago, 16 de xuño de 2016.- O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe tras o Consello da Xunta a aprobación dun investimento de 8 millóns de euros para a adquisición de solo na zona viguesa de San Paio de Navia, dando así un novo paso no impulso do maior proxecto posto en marcha en Galicia para a construción de 1.600 vivendas protexidas.
Cómpre salientar ademais que na oferta pública de adquisición os terreos valóranse a 126 euros o metro cadrado, ao que haberá que sumar o valor dos elementos existentes nas fincas, como construción, peches, arborado, etc.
Logo de precisar que con esta oferta respéctase o prezo fixado na resolución expropiatoria emitida pola Xunta, o presidente da Xunta afirmou que se está tamén a dar resposta a unha demanda histórica dos propietarios destas parcelas que, desde 1996, teñen clasificados os seus terreos como solo urbanizable sen que, desde dita data, ou se lles expropiase o solo ou se lles dera a posibilidade de permutalo por edificabilidade en parcelas urbanizadas.
Así mesmo, Feijóo lembrou que o desenvolvemento das últimas fases de San Paio de Navia fai necesaria a modificación do seu plan parcial co obxectivo de aproveitar integramente a edificabilidade do mesmo e incrementar en preto de 1.000 as vivendas previstas inicialmente.
En total, a superficie construída de vivenda protexida situarase nos preto de 190.000 metros cadrados, distribuída entre 165 vivendas unifamiliares e 1.430 vivendas en bloques de edificación residencial.
Durante a súa intervención, o responsable do Goberno galego explicou que a modificación do plan parcial tamén prevé o incremento substancial no número de prazas de aparcadoiro público, xa que se proxectan 1.230 prazas nas fases por desenvolver e 629 en terreos das fases xa urbanizadas, o que supón a execución de 1.859 novas prazas en San Paio de Navia.»
http://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/2210/xunta-aproba-investimento-8-millons-para-adquisicion-solo-zona-viguesa-san-paio
AS