O alcalde, Abel Caballero, encabezou este mércores a representación municipal no acto de colocación da primeira pedra da nova escola infantil de Navia, ubicada xunto ao colexio Castelao, que conta cun orzamento de máis de 700.000 euros e un prazo estimado de execución de 7 meses.
O Concello de Vigo puxo este mércores a primeira pedra da construción da futura escola infantil de Navia, que erixe o goberno local cun orzamento superior aos 700.000 euros e un prazo de finalización da obra estimada en 7 meses. O alcalde, Abel Caballero, encabezou este acto institucional no que participaron concelleiros dos tres grupos políticos con representación na Corporación viguesa e avanzou que a previsión municipal data para xaneiro do próximo ano a apertura ao público das 100 prazas coas que contará o novo centro educativo.
A futura escola infantil estará composta de pranta baixa e soto. O alcalde salientou que «era unha necesidade imperiosa» para o barrio de Navia e revelou que o deseño do edificio será «certamente moderno e excepcional». Caballero indicou que a de Navia será a cuarta escola infantil que poña en marcha o Concello baixo o seu mandato, duplicando a oferta de prazas e mantendo as tarifas conxeladas desde o ano 2007.
Colexio Castelao
Xusto ao lado da escola infantil está a construirse a cuberta do patio do colexio, con cargo ao Concello de Vigo, segundo apuntou Caballero, tras rexeitar a Xunta de Galicia acometer a devandita obra. O alcalde recordou que a administración local carece de competencias na materia.
Pingback: Según Un Usuario De Los Foros Del PAU De… | Navia Merece Info